Friday 26 de April de 2024

Recepción institucional ao Club Arqueiros do Barbanza polos seus resultados


O Club Arqueiros do Barbanza foi obxecto nesta tarde dunha recepción no salón de plenos do Concello da Pobra do Caramiñal coa finalidade de homenaxealo polos seus logros; acto no que estiveron presentes membros da corporación municipal.

Os integrantes desta entidade deportiva acadaron numerosos méritos na tempada 2020-2021: Inmaculada Souto Losada, Campioa Galega de Percorridos de Bosque 3D na modalidade de Arco Espido; José Ángel Lijó Cadilla, Campión Galego de Percorridos de Bosque 3D na modalidade de Arco Composto e Campión Galego de Campo na modalidade de Arco Composto; Esteban Carreira Francos, Cuarto Clasificado no Campionato Galego de Aire Libre na modalidade de Arco Composto e Cuarto Clasificado no Campionato Galego de Campo na modalidade de Arco Composto; Juan Manuel Linares Insúa, Quinto Clasificado no Campionato Galego de Percorridos de Bosque 3D na modalidade de Arco Composto; e Víctor Infante Romeu, Quinto Clasificado no Campionato Galego de Percorridos de Bosque 3D na modalidade de Arco Instintivo.

A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo, trasladoulle os parabéns polos resultados colleitados, pois “estes éxitos son moi importantes para o club, pero tamén para A Pobra do Caramiñal porque todo o que é dinamiza-lo deporte, especialmente, aqueles minoritarios como o tiro con arco, é estupendo.” A edil tamén deu conta do material que a Administración local achega ao club para o desenvolvemento da súa actividade e no que figuran protectores, frechas, dianas volumétricas para a práctica de tiro no bosque (dúas das cales estaban colocadas no salón de plenos e tiñan forma animal) ou marcadores para controis das puntuacións, entre outros. Ás palabras de felicitación sumouse o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, quen expresou que con este acto de homenaxe tamén se busca poñer en valor o traballo dos/as deportistas e animounos a que os éxitos sigan medrando. Doutra banda, a presidenta do Club Arqueiros do Barbanza, Inmaculada Souto, agradeceu esta recepción e a disposición do Concello, ademais de explicar o desenvolvemento da entidade deportiva que preside, indicando que o ano pasado resultou “fructífero” e xa están traballando arduamente na tempada actual.